off
Cedeira — 18 Maio, 2012 at 17:41

Mitoloxía accidental. A propósito dos amilladoiros

por Gabriel Beceiro



O Santo André de Teixido  ten no imaxinario galego unha potencialidade simbólica ben coñecida. Porén, ese “coñecimento” derivou da vivencia relixiosa popular históricamente producida, sistemáticamente agochada pola igrexa católica, a unha ocultación basada na privatización e especialización institucional da relixión.  Coma o resto de Occidente, a sobredeterminación relixiosa deu paso á súa secularización ou modernidade pluralizadora (pulo da ciencia, dereito, arte…), de xeito tal que o “sagrado” deixou de ser o cerne simbólico da sociedade galega para derivar en plausibilidade paralela e residual mália a invención contemporánea de artefactos lúdicos coma o “camiño de Santiago”.

D.Bell afirma que “hoxe, a cultura apenas pode, se é que pode, reflectir a sociedade na que vive a xente”.  De feito, a modernidade homexenizadora alenta a escoller e seleccionar entre as opcións do mercado simbólico: ciencia, relixión, arte, moral, consumo… A sociedade do espectáculo (Baudrillard) impele á despolitización e ao esbaciamento de significado. Do símbolo pasamos aos signos. Aos simulacros. Ás paisaxes, que sendo elementos definidores do nervo da nación, esmorecen diante do desleixo dos que pensan que o territorio o pode aturar todo e que o máis conta é a economía.  Cando así acontece é a risco dunha alta capacidade  de autodestrucción. Velaí un parque de vivendas saturado de oferta e desaxustado á demanda no entanto os núcleos, casas e tipoloxías  autóctonas desaparecen. Xa dicía Lois Pereiro que o noso é “un povo que sabe suicidarse”.

Entre a materialidade e a espiritualidade do camiño, qué espazo hai para a reflexión sobre Cedeira e o Ortegal, para o equilibrio entre implantación urbana e paisaxe e para a organización das pelerinaxes do camiño que avanzan entre ringleiras de eucalitos en formación -non sei se militar ou eclesiástica, que diría Vicente Risco- no entanto  as nosas árbores andan por onde poden e non onde os topónimos dictan.

Qué marxe hai para a relación dialèctica entre o santuario e o camiño ao país de Teixido ? Non hai, en fin, posibilidade de afondar nos trazos finistérricos, nos elementos marcadamente autónomos e diferentes, deste universo galego que non é un anaco de España senón Galiza, é dicir, unha visión senlleira do mundo, e desde o “cabo do mundo”, que contén elementos de referencia e comparanza universais.  Para cando unha intervención en pé de igualdade co tamaño da nosa cultura, quer dicir, para cando un achegamento crítico e fundamentado para alén da  xenoestima propia do galego colonizado?

Vense de “acondicionar” o alto da costa de Teixido, onde aínda se poden ver algúns amilladoiros – campus lapideus dos liguros-, para asegurar o simples “coidado funcional” coa limpeza de mato e o balizado da contorna.  Dí Estrabón que os gregos afirmaban cos Kalaekos (galegos) non profesaban nengunha relixión.  O que a igrexa católica non ousou “profanar” co símbolo da cruz patriarcal-masculino, fíxoo unha intervención político-administrativa só basada na desbrozadora, nas cancelas e nos rótulos. Unha intervención, ao noso ver, pouco acaída xa que debruza no eixo de reproducción cultural  própia dos “parques temáticos”.   Non se entende que o milladoiro maior apareza coroado por unha cruz  e un rótulo cando o seu cerne simbólico é de orixe pagá e a intervención teña sido realizada por unha administración aconfesional. Non había outro xeito máis discreto e respectuoso de documentalo? Será para que o romeiro despistado non teña dúbida: esa morea de pedras que ve, e antes non se vía, non lle é unha morea de pedras calquera, é-lle un amilladoiro. E que así conste: “nós pasamos a desbrozadora”.

Acontece que o rotulo e a cruz que o coroan acaban por deturpalo. Agora non é un amilladoiro sinalizado, agora é unha morea de pedras coroada por unha cruz e un rótulo que seica dí que é un “milladoiro”. Pódese dicir que a resposta da igrexa católica e os seus acólitos políticos á relixión galega é unha invención porque continua a proxectar sobre o transfondo mitosimbólico de Galicia un sistema foráneo de categorías  relixiosas que procuran a súa extirpación. Así abenzoados co símbolo de Deus, os amilladoiros de Teixido pasan a formar parte da infeliz listaxe de patrimonio cultural material e inmaterial aculturados, existentes en tanto se lles nega implícitamente os fundamentos mitorelixiosos e simbólicos nos que se basean. A iso chámaselle “rigor de desbrozadora”. Un pro-logo própio do márqueting cutre  do sensacionalismo e da frivolidade e non do conservacionismo baseado no coñecimento e documentación do patrimonio.

A necesidade de preservar a materialidade dun culto, que ten a súa orixe en sustratos simbólicos pre-indoeuropeus, debería servir para desvelar e non para continuar a agochar e deturpar o “lar-mundo” de Teixido. A miopía sociocultural  leva á mistificación e revela unha codificación estereotipada que amosa o noso retraso cultural. Fronte ao rótulo de bazar, compria maior rigor e documentación mito-simbólica á hora de facer intervencións deste tipo. O mito da Grande Madre, dos cultos de fertilidade vexetal-animal e humana, acobillou no país de Teixido durante secúlos mália a intervención católica. Conta Bachofen que Humboldt ficou marabillado perante as montañas de pedras na fronteira galega,  no limes de Galicia. Explica máis unha vez Bachofen que todo fillo de nai é unha pedra guindada cara atrás. Trátase da idea da cantidade adicional e non de sucesión própria do dereito paterno. A súa representación é a dunha morea (montaña) de pedras: o pobo materno onde o sistema de millora prioriza a casa, a contorna e a ubicación e non a sucesión personal. Aquel que saira da súa terra debía deitar unha pedra de regreso ao seu lar.

Last but not least. Estamos diante dun vestixio mitorelixioso arcaico – telurismo materno, veneración dos mortos-  infiltrado de xeito orixinal na nosa cultura tal como descobriron entre nós Risco e Otero Pedrayo nas Pelerinaxes ou os grandes mitólogos  J.J.Bachofen, F.KMayr e Ortíz-Osés entre outros bultos internacionais, mália o estricto monoteísmo do mito patriarcal. Por  tanto,  precisábase un proceso de interpretación  e documentación máis acaído que servira para eliminar a corrosión do mito alí presente, aínda tabuizado, permitíndonos recuperar parte do noso patriminio material,  inmaterial e paisaxístico. A memoria de noso.

Os comentarios están pechados

off